Agroterror galego
Un dos máis salientables exemplos deste pulo anovador represéntao o selo compostelán Urco Editora, quen dende hai tres anos para acó se converteu na casa de referencia canto ao que á escrita de terror, misterio témero, fantasía épica e ciencia ficción diatópica se refire.
Pois ben, entre os máis graúdos froitos do meritorio labor de Urco atópase a creación da revista pulp galega Contos Estraños, herdeira, dende a distancia, dos vellos fanzines estadounidenses de xénero dos anos 20 do pasado século.
Ata o de agora Contos Estraños tirou do prelo dous números e hai un terceiro ás portas xa da presentación. Nas súas planas, dirixidas polo escritor de ficción fantástica Fernando M. Cimadevila e mais o tradutor Tomás González Ahola, participan como colaboradores unha ben nutrida nómina de narradores, poetas, ilustradores e tradutores que, dende moi diversos ancos temáticos, estilísticos e aínda (sub)xenéricos, fan desta cabeceira o espazo por excelencia do que os propios coordinadores da iniciativa bautizaron como “agro-terror” galego.
Canto aos contidos propiamente ditos desta entrega, hai un predominio claro do relato, máis tamén se atopan seccións dedicadas á novela curta e mesmo á creación e tradución de textos poéticos.
No que di da contística inserida no volume un pode achar de todo: dende o terror mariño de criaturas abisais enxendradoras de Ana Raven ata a edípica actualización frankensteiniana de David Botana, pasando polo neogótico gargolesco de Jacobo Feijóo, os ecos do gran Cthulhu no arrepío violento e irracional dos seres de Xosé Duncan, a refactura aggiornada dos cultos pánicos agora endemoñados por Manuel Gayoso, o alegórico postapocalíptico dunha Galicia adoradora dunha moi singular momia na imaxinación do amentado González Ahola, o fantástico dun cotián estarrecedor e simbólico de Jorge Emilio Bóveda ou o desacougo miniaturizado e parafeérico de Ariel Martínez.
Agora ben, se tivese que destacar un único texto entre os moitos moi interesantes do volume (velaí, poño por caso, as segundas partes das novelas curtas Primeiros e Dark, de Fabián Plaza e mais Ernesto Diéguez, respectivamente), a non dubidalo quedaría coa intriga anguriante despregada por Roberto A. Rodrigues no seu excelente “Expediente Sentulo”, moi elaborada narración —e tamén a mellor definida estilisticamente— sobre a que gravitan os máis grandes do xénero invasor, dende o mítico Wells de A guerra dos mundos ata todas as outras coñecidas escritas de desembarcos de ultracorpos ao Finney e similares, só que aquí a praga endémica (e case que bíblica) está protagonizada por un exército de centolos asesinos que rematan por asolar, literalmente, a Illa de Ons.
Este número de Contos Estraños péchase cun poema lovecraftiano de Marisol Gándara e versións galegas de textos líricos en lingua inglesa de Robert E. Howard, William Hope Hodgson e outra volta Lovecraft.
Xa que logo, a coda a este comentario non pode ser senón congratulada e esperanzada, sabedora de que a canteira da ficción galega de terror (e non só) comeza a amosar abrochos máis que verdes.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 10-6-2012]
(PD: ¡¡Gracias, Armando!!)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Sagaz como una cuchilla, intrépido como un explorador, dices...: